Ordenadores, futuro?
Falaba o outro día cuns amigos sobre o mercado dos ordenadores, un mercado que, creo, podemos estar de acordo en que é un mercado maduro: existen numerosos produtores, moi grandes e moi ben posicionados; é máis que evidente a evolución tanto dos os prezos – baixaron dende aquel primer Personal Computer de IBM que custaba daquela US$1.565 – como das capacidades de computo como de memoria – aquela súper máquina persoal tiña un procesador Intel a 4,77 Mhz e contaba cunha memoria de 640Kb a versión máis avanzada -. É bastante evidente que moito choveu dende 1981, cando aquela máquina revolucionou o mercado.
Atopabámonos ata fai pouco tempo cunha guerra sen cuartel entre os fabricantes para conseguir os procesadores máis potentes, as memorias máis rápidas e os discos duros máis grandes. A necesidade de cambiar de ordenador cada dous anos era algo que xa asumiamos con naturalidade fai 10 anos, e non porque deixase de funcionar, senón pola obsolescencia: nuns meses, un ordenador calquera queda atrás, deixa de executar con soltura novos programas ou videoxogos. Parecía este un mundo idílico e onde os grandes fabricantes como Dell, HP ou Lenovo dominaban un mercado que parecía non ter límite – os ordenadores hai que renovalos continuamente! -.
Surxiu entón en 2005 un novo concepto de ordenador, o netbook, este nacía da man de varias grandes empresas – entre as que estaban Google, Novel, AMD,…- que desexaban achegar a todos os rapaces do mundo o coñecemento das tecnoloxías informáticas para rachar a fenda dixital, o proxecto cristalizou no OLPC (One Laptop Per Child, Un Portátil Por Rapaz).
Un portátil en principio pensado para que rapaces de países en vías desenvolvemento tivesen oportunidade de acceder á informática converteuse nun éxito para un mercado ao que non se buscaba, un mercado en principio moi esixente que, parecía, non se conformaba con produtos sinxelos; isto colleu a algunhas grandes empresas co pé cambiado e Asus conseguiu posicionar o seu eee PC como primeira elección para moitos usuarios á hora de escoller un novo dispositivo. O éxito do eee PC no mercado, obrigou a empresas como Toshiba ou Acer a facer movementos para non perder un emerxente segmento.
Por outra banda, a entrada en funcionamento das redes de internet móbil a velocidades equiparábeis as de rede terrestre e a proliferación de redes sociais coma facebook, twitter ou foursquare, foi o caldo de cultivo perfecto para o éxito dos dispositivos móbiles de última xeración que, polo xeral hoxe en día veñen sustituindo aos antigos móbiles básicos no momento da renovación (algo que se estima arredor dos dous anos). Estes dispositivos. Estes smartphones, antes reservados para directivos de empresa que estaban todo o día “enganchados” á blackberry (smartphone por excelencia xunto coa hoxe case desaparecida Palm) popularizaronse e cada vez copan unha maior cota de mercado, achegándose a novos segmentos.
As aplicacións na nube, que cada vez se popularizan máis pola súa flexibilidade e comodidade, son un feito, e intégranse xa hoxe en moitos dos sistemas operativos dos móbiles intelixentes, isto permite gañar en potencia: externalizando a carga de traballo aos servidores da internet, e en funcionalidade: posto que adoitan ser aplicacións multiplataforma.
Na actualidade tendese á creación de contidos dixitais de consumo inmediato e, inda que non creo que cheguen nunca a substituír aos ordenadores (portátiles ou de escritorio) posto que procesos complexos coma a edición de videos ou ficheiros avanzada faise complicada pola cantidade de datos a xestionar, si desprazarán (xa o están a facer) parte do que ata agora se viña facendo neles, pasando a ser case elementos secundarios, inverténdose os papeis que neste momento ocupan.
Non hai que ser un visionario para ver que o futuro pasa por uns dispositivos móbiles cada vez con máis prestacións que permitan facer case o mesmo que faciamos antes con un ordenador de escritorio, a tendencia que había fai uns anos cara trebellos máis pequenos inverteuse e agora gañan os dispositivos con pantallas de 3,2-4 polgadas que permiten o consumo de contidos dixitais en calquera sitio e cubrir a necesidade cada vez maior de estar conectado/a co resto do mundo mediante as redes sociais así coma a interacción cos amigos e as empresas que é fundamental na actualidade e inda vai ser máis importante no futuro próximo, polo maior grao de interacción e velocidade na toma de decisións.
Cal credes vos que pode ser o futuro das tic? como nos comunicaremos e interactuaremos cos nosos futuros personal computer?
Resposta