Festa da Pita

festadapita

Os protagonistas da Festa da Pita 2014

O pasado martes de carnaval, tralo convite de @guimarey_iPOu (futuro alcalde de Ourense) pasei o día no barrio das Eiroás e a experiencia foi fantástica.

As Eiroás é un barrio rural situado na zona norte de concello de Ourense onde a mediados do século XX sucede a historia que da nome á Festa da Pita. Era tradición en moitos lugares de Galiza que, cando unha parella de viuvos voltaba casar, convidase a todos os veciños e veciñas para celebrar tal evento.

Neste caso Don Antonio Guimarei e Dona Gumersinda de Benavides “A Pita” non quixeron pagar o viño dos seus veciños polo que estes tomaron a festa pola súa conta.

Esta festa celebrouse ata os anos 70 mais, fai 15 anos, recuperouse incluindo nesta unha representación teatral onde algúns dos veciños e veciñas convirtense por un día nos protagonistas da historia e cóntana o seu xeito. Este ano ademais o mozo casadeiro resultou ser descendente dos protagonistas da historia, un autentico Guimarei! (de toda a vida).

Deixovos o video do inicio da festa, a ver que vos parece.

Festa da Pita 2014 - Idoia de Luxán

Festa da Pita 2014

O certo que o me máis me gustou da festa foi o ambiente que se respira, unha festa moi familiar onde todos participan e comparten (sempre hai alguén ofrecendo orellas e melindres).

Evidentemente como toda boa festa galega, rematou cunha orquestra (Fin de Siglo). Sendo entroido non podia faltar tampouco o meco, este ano meca, que parecía non quería arder e non marchou sen antes dar un saúdo a todos os asistentes.

Agradecer dende aquí a Marcos polo convite e a toda a organización parabenizalos por unha cousa tan ben feita que, inda con choiva, foi un autentico éxito.

Xa sabedes, para o ano que ven, o entroido nas Eiroás.